Aprobada a moción do BNG-AA con medidas para paliar os efectos negativos do “CATASTRAZO”.
A corporación municipal de Pondeume aprobou por unanimidade a moción apresentada polo noso grupo municipal, na que instaba ao goberno municipal a realizar una serie de medidas para paliar os efectos nocivos da aplicación do Catastrazo no noso concello, entre as que se atopan as seguintes:
1. O concello prestará de xeito gratuíto un servizo de asesoramento catastral para todos aqueles veciños/as que o necesiten durante o período de vixencia do proceso de regularización catastral.
2. Para paliar as posíbeis consecuencias que a Regularización Catastral poda traer sobre os bens e as economías dos propietarios, o Concello levará a cabo unha modificación da Ordenanza do IBI nos seguintes termos:
-Estudar a aplicación de Bonificación do 95% da cota íntegra do imposto a favor de bens inmobles no que se desenrolen actividades económicas no eido do sector agrogandeiro, comercial e de servizos e que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración.
- Unha vez rematado o proceso de regularización e aprobados os novos valores catastrais, estudar a posibilidade de igualar o tipo impositivo dos bens inmobles rústicos cos do IBI Urbana, deixándoo en o,6.
Os principais motivos que nos levaran a apresentar esta moción son os que a continuación expomos.
O Goberno do Partido Popular aprobou a finais de 2012 a Lei 16/2012, que incorporaba medidas tributarias en diversos ámbitos. Esta norma era continuadora da política fiscal emprendida desde a chegada ao Goberno central do Partido Popular, que se caracterizou por realizar subidas xeneralizadas nos impostos que pagan as maiorías sociais (subidas nos tramos medios do IRPF, subida xeral do IVA e dun xeito agravado en produtos culturais), así como a introdución de copagamentos sanitarios e farmacéuticos. Unha política de rigor e exixencia fiscal para as rendas medidas e baixas e laxitude e permisividade coas rendas altas e as grandes fortunas.
A política fiscal do PP tamén tivo repercusión nos impostos locais. Lembremos que a finais de 2011, nada máis chegar ao poder, aprobou un primeiro “catastrazo”, a través do Real Decreto-Lei 20/2011 que chegou a elevar o gravame mínimo nos concellos no Imposto de Ben Inmóbeis (IBI) para os anos 2012 a 2015.
Coa Lei 16/2012 consúmase un segundo “catastrazo”, ao recoller un proceso de regularización catastral. Ademais, xustifícase dito proceso “no obxectivo da mellora contra a fraude fiscal”, cando vai dirixido sobre todo a bens situados en solo rústico, que nunha boa parte de casos son anexos ou instalación asociadas á actividade agrícola.
Por outra banda, os diversos estudos publicados sobre a fraude fiscal non apuntan ao catastro como unha das principais fontes de elusión fiscal. Recentemente, os propios técnicos da Axencia Tributaria, a través do seu sindicato GESTHA, puxeron de manifesto que o Plan de control tributario do Ministerio de Facenda “deixa impune o 81,6 % da evasión fiscal”, e que “centra a súa investigación no contribuínte medio para conseguir os seus obxectivos de control tributario e loita contra a fraude fiscal”. Engade ademais, que os resultados da loita contra a fraude fiscal foron negativos, pois “aséntanse nunha investigación desequilibrada que pon a lupa sobre os contribuíntes con menores ingresos –como son as pequenas empresas, os autónomos e traballadores/as que representan o 56 % da débeda descuberta pola inspección- no canto de perseguir a fraude sofisticada de multinacionais e corporacións empresariais”.
Ao longo de 2015 e 2016, a Dirección Xeral do Catastro activou en Galiza dito proceso extraordinario de regularización catastral, afectando a día de hoxe xa a máis de 240 concellos. A maior parte de ditos concellos son eminentemente rurais, precisamente aqueles que presentan índices de renda per capita máis baixo non se librarán do catastrazo. Moitos dos concellos con maior renda e mesmo onde se desenvolveu con maior empuxe a actividade urbanística nos últimos anos non se inclúen na listaxe da regularización catastral.
Unha evidencia máis desa política de control fiscal sobre rendas inferiores, máis desprovistas en canto a capacidade de asesoramento e defensa ante a Facenda, e onde non se persigue como prioridade detectar e actuar contra a fraude fiscal de maiores dimensións e previamente concebida en base a estratexias complexas de enxeñaría financeira e fiscal.
A regularización catastral conleva o pagamento dunha taxa de 60 € por cada alta no Catastro, e ademais implicará un aumento do valor catastral do inmoble revisado e, polo tanto, incrementará tamén a base impoñible do IBI. Iso tamén pode ter repercusión indirecta noutros impostos (IRPF, plusvalía municipal, sucesións) e mesmo incluso en subvencións públicas como as becas escolares dado que teñen módulos patrimoniais referenciados no catastro como límites obxectivos para accederen á ditas axudas.
En moitos casos, a variación na realidade física responde sobre todo á propia rehabilitación e restauración de inmóbeis para evitar o seu deterioro, incluso á conservación habitual dos mesmos, e aínda neses supostos os seus propietarios son requiridos para comunicar ditas modificacións. Iso levará, non só a abonar a taxa lineal, senón tamén a soportar un incremento impositivo no IBI simplemente por acometer obras necesarias de mantemento e mellora, tendentes a manter o valor patrimonial, en ningún caso por ter realizado actuacións co fin de aumentar dito valor.
Á vista do exposto estamos perante un procedemento absolutamente inxusto, que se dirixe preferentemente sobre persoas con menor nivel de renda, en concellos con menor dinamismo económico, e sobre todo que afectará a propietarios que teñen as propiedades destinadas á actividade agraria, que ademais atravesa dificultades especiais pola parálise e falta de apoio do Goberno galego.