Nós Candidatura Galega, a candidatura feita coa forza do pobo galego.
Este sábado 12 ás 19,30 h terá lugar na Casa da Cultura de Pontedeume, o acto central de Nós Candidatura Galega, coaligazón onde está integrado o BNG, con motivo da campaña para as eleccións ao Congreso e ao Senado do día 20 de decembro. Nel contaremos coas intervencións; do portavoz do grupo municipal do BNG-AA de Pontedeume Antonio Salvadores, a concelleira do mesmo grupo Ana Veira e fechará o acto público o alcalde de San Sadurniño e candidato ao Senado Secundino Garcia.
Durante os últimos 20 anos Galiza tivo voz de seu no Congreso dos Deputados a través do Bloque Nacionalista Galego. Foron as deputadas e deputados do BNG, e non os doutras forzas políticas, as que defenderon os nosos dereitos e intereses en Madrid, como tamén o fan no resto as institucións.
Hai ducias de exemplos: o BNG foi o único que defendeu os dereitos das persoas estafadas polas preferentes cando o goberno quería deixar que os bancos quedasen co roubado. O único que apoiou aos nosos emigrantes retornados co calote de Facenda. O único que defende os dereitos da nosa frota pesqueira cando ante calquera nova regulación chegada de Bruxelas o Ministerio non fai nada máis que sacar axudas ao desguace. O único que loitou por un prezo digno para o noso leite mentres o goberno defendía as empresas dicindo que non podía facer nada. O único que quixo facer xustiza para as vítimas da traxedia do Alvia exixindo unha comisión de investigación que revelase a verdade e que PP e PSOE evitaron pois teñen demasiado que esconder.
O nacionalismo galego en definitiva aporta unha forma de ver Galiza, o estado e mesmo o mundo, e de defensa dos intereses das maiorias sociais da nosa nazón e os seus sistemas productivos, que non aportan outras forzas de obediencia estatal por moito que se disfracen de mareas. Esa voz galega, sen ataduras, foi fundamental para defender os intereses das nosas clases traballadoras, para tratar os problemas dos sectores produtivos, para lograrmos unha maior participación de Galiza nas achegas dos orzamentos xerais do Estado, para reivindicar as melloras das nosas infraestruturas, para beneficiármonos do aproveitamento da nosa riqueza enerxética, para denunciar o declive crónico do sector naval ou as abusivas peaxes da AP-9 Os deputados de orixe galega pertencentes ás forzas do sistema manteñen, na maioría destes temas, unha posición e unha actitude vergoñentas, limitándose a apertar o botón cando lle mandan de arriba, por máis que recoñezan, ás veces, que o xusto sería defender outra cousa. Hoxe ninguén discute que a presenza de Castelao e doutros nacionalistas galegos nas Cortes da II República foi clave para Galiza. Na conxuntura das eleccións do 20 de decembro, algúns queren centrar o debate na urxencia de desaloxar as forzas reaccionarias do poder e mais nalgunha que outra reforma social. Os deputados de Nós-Candidatura Galega, onde están integrados o BNG e outras formacións políticas, sindicais e sociais, garantirán iso e garantirán aínda algo máis importante: a defensa dos nosos intereses, desde unha vontade inequívoca de autoorganización do pobo galego e da pervivencia de Galiza como nación diferenciada. Velaí a cuestión crucial que nos xogamos nas vindeiras eleccións.
Por todo isto contamos con tod@s Vós, com tod@s Nós este sábado na Casa da Cultura.