O PP de Pontedeume non quer que o patrimonio artístico das antigas caixas pase a mans do pobo galego

O PP de Pontedeume non quer que o patrimonio artístico das antigas caixas pase a mans do pobo galego

O PP de Pontedeume votou en contra da moción presentada polo noso grupo municipal no que solicitabamos instar á Xunta de Galiza a que sexa de titularidade pública a totalidade do patrimonio artístico das antigas caixas de aforro e que se manteña a sede deste patrimonio en Galicia e garantir a súa visitabilidade e acceso público.

Froito do traballo e do esforzo de miles de galegas e galegos que depositaron os seus aforros nas caixas galegas, estas, cumprindo só unha pequena parte da súa obrigada función social, foron capaces de acumularen unha colección de obra plástica e de inmobles que representan gran parte da nosa creación artístico-cultural desde finais do século XIX até os nosos días.

Este patrimonio mostra o alto nivel que o pobo galego acadou na expresión artística, e conforma a nosa historia e a nosa identidade colectiva. Tamén constitúe un activo económico que as galegas e galegos xa pagaron cunha mínima parte das ganancias producidas polos seus cartos, cando non con eles directamente (accións preferentes ou subordinadas). Para alén disto, este patrimonio ten unha enorme capacidade potencial como instrumento educativo e formativo e mesmo pode xerar ingresos cunha proposta de exhibición e de xestión acaída.

Aínda que a declaración destas obras como Ben de Interese Cultural é unha medida positiva, non é suficiente para evitar a súa venda, a privatización, a disgregación ou a saída de Galicia. Así, a privatización das caixas galegas pode provocar o espolio e a deslocalización deste ben propiedade de todo o pobo galego. A Xunta de Galicia ten a obriga legal e moral de velar pola integridade, pola conservación, pola posta en valor e polo rendemento económico deste patrimonio e de evitar por todos os medios o espolio desta riqueza.

A sociedade galega debe ser consciente deste feito e do risco que corre o patrimonio cultural e artístico galego depositado naquela entidade financeira, e achegar o seu esforzo para defender a súa lexítima propiedade e o seu dereito a gozar desta obra artística, demandando da Xunta de Galicia que tome con urxencia todas as medidas para garantir que o patrimonio cultural e artístico existente en NovaGalicia Banco sexa de titularidade pública.

 

O PP de Pontedeume non quer que o patrimonio artístico das antigas caixas pase a mans do pobo galego