Pedimos unha tarífa eléctrica galega e que se garanta o subministro ás persoas sen recursos.
O BNG de Pontedeume rexistrou unha moción no concello demandando do pleno da corporación que se aproben unha serie de acordos polos cales se solicita en primeiro lugar realizar as modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza e, entre tanto, adopte medidas prácticas para evitar as dramáticas consecuencias desta problemática nos fogares galegos máis desfavorecidos. en segundo lugar demandar do Goberno do Estado español que investigue e revise o incremento do recibo da luz previsto para o 2014. E por último, Solicitar do Goberno do Estado español que permita a creación dunha tarifa eléctrica galega que, atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, posibilite unhas menores tarifas tanto para o consumo doméstico como para as empresas.
E é que en Galiza hai máis de 650.000 persoas que están en situación de pobreza e 120.000 en estado de pobreza severa; hai 93.000 fogares con todos os seus membros no paro -12.000 máis que o ano pasado- e existen máis de 33.000 fogares sen ningún tipo de ingresos.
Aos recortes, ao copagamento nos servizos públicos ou á restrición no acceso a sanidade, hai que engadir a redución nas prestacións por desemprego, xunto coa futura eliminación de servizos que se prestan nos concellos, por causa da reforma local, ou as reformas que afectarán subsidios por desemprego ou as pensións. Estas medidas agrávanse coa permanente redución dos orzamentos do Estado español e da Xunta, e que, co encarecemento da enerxía, sexa o gas ou a electricidade, o desemprego ou a falta de recursos económicos, provocan cada vez máis vítimas da política de desamparo que desenvolven os gobernos do PP no Estado e na Xunta de Galiza contra a cidadanía en xeral.
Cada vez máis persoas quedan sen prestacións ao esgotaren as axudas de protección social, sen emprego, sen fogar ou sen poder afrontar o pagamento de hipotecas, alugueres ou servizos básicos como a luz, o gas... ou simplemente poder alimentarse.
O goberno local non só debe garantir por medio da administración municipal e dos servizos sociais públicos o apoio as persoas que o precisaren, senón que tamén debe impulsar diante do Estado español e da Xunta de Galiza iniciativas para que a prestación de servizos básicos destinados aos grupos máis desfavorecidos e medidas específicas dirixidas a persoas en risco de exclusión social e con necesidades especiais permitan contribuír a garantir o benestar, a saúde e calidade de vida nesta situación dramática que padecen.
En consonancia con isto, hoxe, outro dos factores de vulnerabilidade para moitas familias galegas é a pobreza enerxética, e concretamente o subministro eléctrico as súas vivendas. Os datos referidos ao Estado español demostran que, antes de comezar a crise económica, o número de familias que sufrían un corte de luz polo impago do recibo da empresa subministradora era de 600.000 e, durante o ano 2012, foron 1,4 millóns de familias as que padeceron este corte no subministro.
Esta situación, a últimos do outono e co inverno ás portas, faise especialmente dramática pensando que se poidan producir cortes do subministro en fogares sen recursos, un feito que agudizará aínda máis as penosas condicións de vida das persoas que os habitan.
Países europeos, como Francia, limitan durante o tempo invernal os cortes de subministro eléctrico a familias sen recursos que non teñen cartos para pagar o recibo da luz. Alemaña paga a calefacción e o aluguer das persoas en paro de longa duración. Cataluña estuda prohibir os cortes de enerxía a familias na pobreza.
O goberno do Estado español xustifica o fortísimo incremento do recibo da luz dos últimos anos nun suposto déficit tarifario, agravado agora pola subida prevista a partir de xaneiro.
O BNG considera que, tendo en conta os niveles de pobreza en Galiza e as condicións climatolóxicas deste inverno fai urxente que o Parlamento galego se posicione fronte esta realidade e inste ao Goberno a iniciar as modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro eléctrico das familias sen recursos.
Esta situación prodúcese nun contexto en que Galiza é excedentaria na produción de electricidade. Así, mentres padece os custos sociais e medioambientais que supón a xeración eléctrica, non obtén ningún beneficio desta condición.