Non queremos megaminaría salvaxe nas Fragas do Eume.

Non queremos megaminaría salvaxe nas Fragas do Eume.

Debido á alarma social xenerada en Galiza e no noso concello, polos plans da Xunta de Galiza de explotación a nível nacional dunha minaría salvaxe e contaminante, e após das movilizacións en contra desta política do PP, o BNG de Pontedeume presentou unha moción co ánimo de que Pontedeume se posicionase en contra de este tipo de explotacións que tambén poderían afectar ao noso entorno.

A explotación dos recursos mineiros e particularmente dos metais, está controlada por grandes empresas transnacionais que operan baixo criterios especulativos aplicando prácticas neocoloniais. O seu alto prezo nos mercados fai que a explotación e extracción procure beneficio rápido a costa do grave impacto ambiental e riscos para saúde das persoas.

En Galiza existen 520 explotacións mineiras e as concesións chegan a abranguer máis da metade da superficie do país. A maior parte das mesmas foron autorizadas e perviven na actualidade grazas a normas aprobadas no réxime franquista, que non tiñan en conta a realidade do país nin un aproveitamento sustentábel dos recursos mineiros. O aproveitamento de determinados recursos mineiros debe ser considerado estratéxico, decidido desde Galiza en función dos seus intereses, e tutelado desde os poderes públicos para garantir a sustentabilidade ambiental e social dos proxectos.

Nin a Xunta de Galiza nin o goberno do Estado teñen o menor interese en mudar esta situación. Por exemplo, o proxecto mineiro de ouro de Corcoesto, recibiu a declaración de impacto ambiental positiva da Xunta logo de se tramitar como de interese estratéxico, sen coñecemento dos/as habitantes da zona. O mesmo aconteceu co plan sectorial de actividades extractivas, encargado ás empresas do sector mineiro (Cámara Mineira de Galiza) e furtado á participación das entidades sindicais, ambientalistas, veciñais e profesionais. Este plan ameaza espazos naturais protexidos, como a Serra do Courel, na Rede Natura, onde queren conceder 54 explotacións. Os concellos e as persoas afectadas non contan, tampouco a ordenación urbanística local. E non só é Corcoesto, en Bergantiños, senón O Ribeiro, Celanova, as Fragas do Eume, a Serra do Galiñeiro, a Limia ou Terra Chá, tamén están baixo esta ameaza.

A minaría a ceo aberto e a fractura hidráulica ou “fracking” son actividades con graves impactos sobre o territorio, o medio ambiente e os distintos usos do solo. Consume grandes cantidades de enerxía e agua e manexa substancias tóxicas, como o cianuro, unha substancia química altamente tóxica, mesmo potencialmente letal, prohibido en moitos estados do mundo e que poden ter graves consecuencias para o ambiente e a saúde das persoas, a contaminación do solo e dos acuíferos.

Os supostos beneficios económicos e de xeración de postos de traballo non compensan os prexuízos ambientais e socioeconómicos derivados doutros recursos naturais (forestais, agrogandeiros, pesqueiros, hídricos, de lecer ou turísticos) e a saúde humana.

Existe un clamor para que se suspendan os permisos e concesións en tramitación, que se prohiba a macrominaría a ceo aberto e a minaría con cianuro, ademais da necesidade de estabelecer avais suficientes e seguros de responsabilidade civil que permitan cubrir a situación máis catastrófica que puidese ocorrer.

Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG de Pontedeume solicitou a adopción do acordo que a continuación exponemos e que foi rexeitado polo PP.

Instar á Xunta de Galiza a

1. Retirar o documento de inicio do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza e elaborar un novo coa participación e consenso dos axentes que deben forman parte do Consello Galego da Minaría, como marca a Lei 3/2008, de ordenación da minaría de Galiza.

2. Prohibir a extracción de minerais metálicos polo sistema de ceo aberto, eliminando completamente o uso de cianuro ou substancias perigosas que poñan en risco a saúde ambiental e das persoas, así como as técnicas de “fracking”, en todo o territorio galego, incluída a plataforma continental.

3. Crear con urxencia o Consello da Minaría da Galiza, tal como estabelece a Lei 3/2008, de ordenación da minaría, polo carácter estratéxico dos recursos existentes no subsolo e plataforma continental, e deixar de conceder permisos de exploración, investigación e explotación, mentres tanto.

4. Exixir o estabelecemento de seguros de cobertura suficientes de responsabilidade civil por eventuais accidentes e constituír un Fondo de Restauración Ambiental para garantir  a reparación do medio afectado pola actividade mineira, unha vez concluída esta.

5. Someter as autorizacións de explotacións mineiras ao impacto que teñan sobre outras actividades económicas que son sustento básico da economía de Galiza e que dependen tamén doutros recursos naturais, como os agrogandeiros, pesqueiros, hídricos, turísticos, forestais ou de lecer.