MOCIÓN PARA ESIXIR A PARALIZACIÓN E DERROGACIÓN DA LOMCE

MOCIÓN PARA ESIXIR A PARALIZACIÓN E DERROGACIÓN DA LOMCE

Neste momento no que o goberno do estado segue a querer implantar una lei de educación a LOMCE rexeitada pola maioría dos  partidos políticos. Non compartida pola comunidade educativa ( profesionais do ensino, asociación de país/nais…)

Son múltiples as razóns que, desde a nosa perspectiva, motivan a exixencia da súa inmediata paralización e posterior derrogación, xa que se trata dunha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional, que elimina a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos da sociedade.

A LOMCE pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal que afonda nas diferenzas sociais, no canto de contribuír a que todos e todas poidamos acceder, en igualdade de condicións, a unha educación pública de calidade.

A LOMCE fundaméntase nun sistema educativo profundamente centralista, nega a realidade plurilingüe, pluricultural e plurinacional do Estado español. O Galego deixa de ser materia troncal e permite a insubmisión ao ensino en lingua galega einvadindo as escasas competencias coas que contamos, coa intención de impedir un ensino inserido na nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística.

A LOMCE reforza a confesionalidade e impide a ensinanza laica. Mantén a Relixión como materia no currículo escolar e computa no expediente académico, cuestión que se agrava no Bacharelato, ao ser considerada una materia específica en igualdade de condicións có resto das disciplinas, o que está producindo un efecto chamada para que o alumnado se matricule na dita materia.

É unha lei profundamente antidemocrática que traslada o sistema de xestión empresarial ao sistema educativo. Impide a elección democrática das dirección, desposúe o Consello Escolar de todas as súas competencias e estabelece que as direccións teñan plenos dereitos para tomar unilateralmente decisións de transcendental importancia para os centros.

Elimina a igualdade de oportunidades, mediante un sistema de continuas barreiras selectivas (con implantación de probas ou reválidas dende E.P.). É unha lei elitista e segregadora, xa que estabelece probas xerais e reválidas para lograr a titulación en ESO e en bacharelato.

É unha lei que desautoriza e desconfía do profesorado. Suprime a avaliación continua e é profundamente antipedagóxica, xa que a consecución da titulación do alumnado vai depender do resultado azaroso dunha única proba, as reválidas, ao finalizar o ensino obrigatorio e o postobrigatorio.

 A LOMCE susténtase nas posicións ideolóxicas máis extremas e reaccionarias. É unha lei que está ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da mercantilización da educación. Amplía os actuais concertos educativos e legaliza os que segregan o alumnado por razón de sexo. Facilita a planificación escolar en función do ensino concertado, impide o acceso das clases populares á educación e impón unha educación baseada na competitividade, na exclusión social e na desigualdade, e non nun ensino equitativo, inclusivo e integral, cuxo obxectivo principal debe ser a formación de persoas críticas e responsábeis.

En definitiva, a LOMCE é unha lei que impide o dereito a unha educación pública, galega, gratuíta e laica que, sumado á imposición e ao despropósito da súa aplicación, mostra un panorama inaceptábel e de total incerteza, que se agrava coa implantación no actual curso escolar da proba xeral de 6º de Primaria.

Por todo isto, o GM do BNG de Pontedeume solicita deste Pleno da Corporación a adopción do seguinte

ACORDO

 

  1. 1.       Solicitar ante a Xunta de Galicia a paralización da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa así como  a  súa posterior derrogación.
  2. 2.      A esixencia de que a Xunta da Galiza solicite ao goberno do Estado a  derrogación da LOMCE.