O voto ao BNG-Nós nas xerais, dúas veces útil para @s galeg@s.

O voto ao BNG-Nós nas xerais, dúas veces útil para @s galeg@s.

Este sábado 18 ás 20,30 h celebraremos un acto público na Casa da Cultura con motivo das eleccións xerais IMG-20160615-WA0026que se celebrarán o 26 de xuño. Nel intervirán o concelleiro do grupo municipal do BNG-AA Xurxo Allegue, a concelleira e portavoz municipal do mesmo grupo Ana Veira, e para rematar contaremos coa intervención da Actriz e nº 2 na candidatura BNG-Nós Candidatura Galega pola provincia da Coruña, Isabel Risco.

Pasados seis meses desde as eleccións ao parlamento do Estado, volvemos a dirixirnos ao pobo galego  para que confíe no nacionalismo como única vía para evidenciar en Madrid que somos unha nación con conciencia e orgullo e que temos solucións para os nosos problemas e necesidade urxente de defendermos os intereses de Galiza.

Moitas persoas votaron forzas españolas pensando que ían antepoñer os intereses populares aos seus propios intereses de partido. Agora vemos como a falta de xenerosidade duns e doutros, nos obriga a repetir o proceso para arranxar o que estes non souberon ou non quixeron facer. Para máis mofa, tampouco foron quen de acordar recortar os gastos electorais e renunciar ao envío masivo por correo de propaganda electoral, contradicíndose unha vez máis. Están moi preocupados polo aforro de diñeiro público e tempo de crise, bla,bla,bla… as prioridades destes partidos están claras. O BNG vai repartir a súa propaganda de man en man, como xa fixemos nas anteriores eleccións. Emprazamos as demais forzas a seguiren o noso exemplo e aforrarlle varios millóns de euros ao contribuinte.

Para o BNG este novo proceso electoral representa un novo desafío e afrontamos con ilusión e esperanza esta oportunidade de rectificar un camiño que nos levou como pobo a perder peso na política de Estado. As preocupacións dos galegos e galegas non estiveron presentes nas conversas que supostamente decidirían os pactos de goberno. Mentres que os cataláns, os vascos ou os valencianos falaban con voz propia, os deputados e deputadas de Galiza calaban para que se expresasen as voces dos partidos españois.

Desde 1996 non houbo problema que afectase ao pobo galego que non tivese voz en Madrid a través do BNG. Alí tiveron que escoitar por boca dos representantes do BNG, os problemas específicos de Galiza, como os da pesca, do leite, dos estaleiros, do tren, da enerxía… mais tamén outros comúns ao conxunto do Estado, como a “dación en pago” nos desafiuzamentos, a nosa oposición ás reformas laborais, á lei “mordaza”, á LOMCE, etc.

Neste momento en que as maiorías parecen estar lonxe de conseguirse por parte dos considerados “grandes” partidos, é fundamental que nos deamos a valer cunha representación xenuinamente galega, unha representación que poña por riba de todo a defensa de Galiza.

Por estas cuestións é polo que decimos que apoiar a candidatura que representa o BNG-Nós Candidatura Galegan o 26 de xuño, é o mellor xeito de votarmos de forma dobremente útil, atendendo a que non se albisca maiorias absolutas, e un ou dous escanos poden ser decisivos. Por un lado para garantizar que se despexa do poder central á dereita reaccionaria que representa o PP, antepondo esta cuestión á de repartos de cadeiras como desgrazadamente non fixeron PSOE e Podemos-mareas. Por outra banda e non menos importante, garantizaremos que os intereses específicos das e dos galegos estexan enriba da mesa. Cousa que como comprobamos durante estes cinco meses de teatro, En Marea non está en disposición de ter voz própia, tendo un papel igual ao resto de representates das forzas estatais.

Convidamosvos xa que logo a arroupar este sábado a vosa candidatura BNG-Nós Candidatura galega na Casa da Cultura de Pontedeume. Para termos voz propia!

O voto ao BNG-Nós nas xerais, dúas veces útil para @s galeg@s.