Sobre a petición de demisión dos portavoces da oposición por parte do Goberno do PP no último pleno.

Sobre a petición de demisión dos portavoces da oposición por parte do Goberno do PP no último pleno.

DSC05534Co lema de “Estades comigo ou contra nós”, este Goberno pretende que asintemos a todo e calemos o que como oposición estamos obrigados a denunciar. Ilusamente o PP estima que os políticos en xeral somos unha clase corporativa e de “todos para ún e ún para todos”, é dicir, sempre solidarios ata na torpeza.

Neste mandato municipal aos eumeses nos toca sufrir un sinfín de desgoberno e falta de ideas a medio e longo prazo e, o máis lastimoso, sen eficacia no inmediato.

O BNGpontedeume escoitou no último pleno ordinario con estupor, perplexidade e con xenerosa complacencia a lista de incongruencias que o Goberno do PP verteu sobre os grupos municipais sen competencias de goberno e rematando pedindo a dimisión dos portavoces do BNG e PSOE e doutro concelleiro máis.

A orixe desta lamentable e insólita reacción está na presentación dunha relación de incidencias comprobadas no Mercado Provisional sobre o traslado e aloxamento; sobre os gastos extras que os distintos praceiros/as tiveron que desembolsar para adaptar os seus postos de venda –único motivo dos encerros e manifestacións durante dous meses-­; sobre a carencia de medios publicitarios; sobre os defectos das instalacións con continuos asolagamentos; sobre algunhas obras pequenas que están sen rematar; sobre a falta de protección para os produtos cando as instalacións están pechadas; sobre a discriminación con tratos de favor; e, sobre todo, o deterioro gravísimo da convivencia entre praceiros, Alcalde e Concelleira de Comercio.

Esta exposición de carencias que o concello ten a obriga de solucionar fixo no Goberno unha desesperada e anormal reacción irracional de mimoso pataleo, co fin de formar unha cortina de fume para non cumprir como gobernantes.

O BNG reafírmase na exposición e denuncia dos defectos que o Goberno ten que solucionar polo ben de todos os eumeses. Síntese orgulloso da conduta anterior e da actuación limpa e ética que tivo no seu apoio a un traslado digno como esixían as circunstancias, e como dixo o seu lider Núñez Feijóo: “A un incendio non se bota gasolina”

Este Alcalde, o peor da democracia, e algúns das súas concelleiras/os non están capacitados para dar solución aos problemas para apoiar os dereitos dos cidadáns e de obrigarse a aceptar e aplicar os deberes de gobernar. Todo se resume en educación, democracia e dixerir que hai posturas e opinións diferentes.

O Goberno do PP cultiva a intransixencia, a falta de diálogo e teima en xudicializar calquera problema por moi pequeno que sexa. Co seu Alcalde á cabeza, o Goberno reparte a súa propia culpabilidade como auténticos fariseos entre praceiros, manifestantes e, agora, engade manobras políticas que desembocan na petición ruín e fóra do xogo político de dimisións de membros da oposición.

Achaca cínicamente aos demais da perda de ingresos dos praceiros e praceiras cando a alcaldía e só a alcaldía tiña da oposición o apoio, a colaboración e en certa medida a complicidade para chegar a unha solución do problema xerado. Definitivamente os seus asesores o aconsellan mal.

O Partido Popular leva 7 anos deixando caer o edificio do Mercado Municipal sen inverter no máis pequeno e obrigado mantenemento nel e, pola contra, facer gastos sen proveito e subíndose os salarios e gratificacións por xuntanzas e asistencias.

Unha pregunta sen resposta que nos debemos facer os eumeses e eumesas sería en que mellorou Pontedeume nestes 7 anos.

O Alcalde é o máximo responsable, non o único do Goberno, de que o comercio local se resintise do dilatado problema do mercado, de que tampouco  se aproveite do decadente Feirón Semanal e da falta de ideas comerciais e culturais municipais, xa que Pontedeume é primordialmente un concello que vive da comarca.

Mentres piden dimisións, seguen sen afrontar as verdadeiras eivas que poñen freo ao despertar de Pontedeume. Os eumeses e eumesas levamos tempo esperando o prometido aparcadoiro, unha axeitada garderia infantil, a finalización das obras do edificio Firrete, o recente aprobado Plan Xeral, o Plan de Protección do Casco Histórico, o rexurdir do Feirón Semanal, o saneamento das augas de baño das nosas praias, a promoción turística e comercial, a potenciación do Polígono do Vidreiro, agardando pola legalidade nos postos de traballo adxudicados por medio de empresas amigas...

Este Goberno califica na súa crítica ao noso escrito que destapaba as evidentes carencias no Mercado Provisional, de lamentable, patético e demagogo. O BNG tamén califica o seu comunicado cheo de falsedades,  de lamentable, patético e demagogo e recomendámoslle educación, diálogo e democracia.

O BNGpontedeume non pide a lóxica dimisión de todo o Goberno, senón que esixe que traballen e cumpran.

Sobre a petición de demisión dos portavoces da oposición por parte do Goberno do PP no último pleno.