Resumo do pleno do mes de maio

Resumo do pleno do mes de maio

O mais salientábel do  pleno ordinario do mes de maio foi a aprobación por unanimidade da moción apresentada polo BNG "SOBRE MEDIDAS PARA PALIAR OS EFECTOS NEGATIVOS DO "CATASTRAZO".

Cremos que é unha boa nova para a cidadanía deste concello e agardamos que o goberno municipal poña en funcionamento todas aquelas accións precisas para cumprimento desta moción.

 

Así mesmo puxéronse sobre a mesa peticións:

:_ Arranxo do aparcadoiro colindante co centro educativo "Fraga do Eume" que carece de valado divisorio e que precisa unha intervención no seu estado.

.- Control da plantación de especies arbóreas e de talas para previr os lumes.

.-Actividades encamiñadas á conciliación da vida familiar e de lecer da mocidade ( campamentos, actividades de verán).

.- Utilización da biblioteca municipal como aulario polo que implicaría ter un incremento horario de apertura ao público. Os mozos trasládanse a Ferrol para estudar!!!!

Estes son os rogos e preguntas presentadas por nós:

Rogos

1.-LIMPEZA  ADECENTAMENTO… DOS PARQUES FAMILIARES DE BREAMO E CASTELO.

Estamos nas portas do verán e estas instalacións serán moi frecuentadas por turistas e familias.

Recordamos que houbo propostas para mirar da súa ampliación.

Rogamos intervención nestes espazos e un plan de ampliación dos mesmos.

 

2.-TALAS.

Nos últimos meses houbo un incremento desta actividade económica co que supón para camiños e pistas o paso de camións de tonelaxe e incluso o acopio de  refugallos.

Hai unha ordenanza que contempla este s labores.

Pregamos control  e seguimento destas actividades.

 

3.- REGULACIÓN DO USO DO SOLO PÚBLICO.

Existe unha ordenanza, bastante obsoleta,que aínda contempla os pagos en pts.

Este goberno, xa na metade da lexislatura, segue sen adecuala e actualizala.

Recordamos que o BNG-AA presentou unha moción, e aprobouse, sobre o cobro por uso  de solo público dos caixeiros de entidades bancarias.

Pregamos cumprimento de mocións e unha ordenanza actualizada.

 

4.-NECESIDADE URXENTE DUN CAPATAZ.

É de vital importancia a xestión efectiva para que se conte con este posto de traballo para o aproveitamento e o bo funcionamento do concello.

Reiteramos o rogo de que se faga efectiva a existencia dun capataz.

 

5.- ALUMEADO, RECOLLIDA DE REFUGALLOS, AUGA, PISCINA…

Rogamos urxencia para que estes servizos conten coa adxudicación máis vantaxosa para  a cidadanía deste concello.

 

6.-INFORMACIÓN AOS CENTROS EDUCATIVOS.

As  actividades desenvolvidas polo concello anúncianse nuns paneis. Bótase en falta a difusión en centros educativos.

Hai uns días houbo actividades dirixidas a nenos e non houbo participación pola falta de difusión axeitada das mesmas.

Pregamos difusión en centros educativos das actividades.

 

7.- OBRAS NA ESTRADA DE CENTROÑA.

Sendo obras de vital importancia e coñecedores da implicación que teñen para peóns e para o tráfico diario. Constatamos que en moitas xornadas o número de traballadores nelas é moi reducido e tendo en conta que a época estival está nas portas.

Pregamos control dos tempos de execución destas obras para evitaren que suceda coma nas obras da alameda.

 

8.- CUMPRIMENTO DE DIVERSOS ROGOS: RETIRADA DE PANEIS CADUCADOS.

Seguen no mesmo lugar paneis “informativos” en diferentes puntos da vila. Xa levamos dous anos da lexislatura, varios rogos e preguntas sobre este tema. Non cremos que sexa tan complicado dar ordes para que se retiren. Non hai nada que presupostar, aprobar……

Parécenos a nós e a moitos cidadáns unha verdadeira DESIDIA.

Rogamos retirada de paneis, cartaces…. Obsoletos que só axudan á desinformación.

 

9.-ACTIVIDADES DE CONCILIACIÓN FAMILIAR: CAMPAMENTOS DE VERÁN.

A só un mes das vacacións escolares deben programarse accións para conciliar a vida familiar ao tempo que promover un tempo de lecer axeitado para a xente nova desta vila.

Durante o curso escolar houbo verdadeiras eivas neste senso ( falta de funcionamento axeitado do Planet Club ou outras iniciativas).

Pregamos a organización deste tipo de actividades.

 

10.- USO DA BIBLIOTECA-AULARIO.

No concello só existen as instalacións da biblioteca municipal que debería ter un uso demandado de aula de estudo ou aulario.

Tendo en conta que a mocidade vese abocada a desprazarse a Ferrol.

Rogamos a apertura das instalacións en horario de mañá para dar resposta ás demandas existentes.

Preguntas

1.-APARCADOIRO COLINDANTE AO IES “FRAGA DO EUME”. Sendo o concello o responsable desas instalacións e coñecedores do seu estado. O BNG xa fixo, hai meses, peticións para que se acometese unha intervención nos mesmo. Carece de peche axeitado co centro educativo. Está nun mal estado de conservación ( fochancas, información do mesmo….) O período estival xa está próximo. En que estado está o proxecto de obras? Cal é o presuposto? Cando se vai actuar e facer a prometida separación co centro educativo?

2.-MANTEMENTO DO XULGADO DE PAZ. O edificio no que se sitúa o xulgado de paz está nunha situación de deterioro moi evidente. Hai prevista algún tipo de intervención para o seu arranxo? Para cando?

3.-SUBSCRICIÓNS Á PRENSA NO CENTRO DE MAIORES. En anteriores plenos fixemos un rogo para que se fixese unha subscrición á prensa en lingua galega. Como tantas veces, a resposta foi que se vai estudar. Teñen decidido realizar esta subscrición?

4.-AS PRAIAS DE VER E CENTROÑA. A dous meses vista do verán e sabedores da situación destes areais, que xa non parecen na lista de praias deste concello. En que punto do procesos estamos agora, en cada un deles? Que cabe agardar?

5.-SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA. Está concedida unha subvención da Deputación para funcionamento. Hai concellos que abriron unha bolsa de traballo para servizos coma estes. Que actuacións vai levar a cabo este concello?

6.-MERCADO MUNICIPAL. Aparentemente as obras están estancadas, non se observan actuacións que fagan pensar á cidadanía que existe un avance nunhas obras de gran envergadura e importancia para esta vila. Cal é a nova previsión no proceso de obra do mercado? Como serán os custes?

7.-ANALÍTICA DA AUGA DA TRAIDA. As análises da auga de consumo doméstico realízase por parte da empresa VIAQUA mais non existe un control externo e polo tanto obxectivo. Teñen pensado facer algún control deste tipo?

8.- PREVENCIÓN DE INCENDIOS. Estamos nas portas da época de perigo de incendios. O concello debe velar pola previsión esixindo e vixiando que as fincas, cómaros, montes, etc estean nun bo estado para que non sexan foco de lumes. Teñen pensado facer, alo menos, un bando para limpeza de fincas como primeiro paso de loita contra incendios?

9.-PLANTACIÓN DE ESPECIES ARBÓREAS. Nestes últimos meses houbo unha importante actividade de tala e plantacións. Existindo, no concello, unha ordenanza neste sentido no que se especifican que tipo especies, distancias das diferentes plantacións ás vivendas…. Para evitar, entre outros problemas, os lumes. Estase a facer un control destas plantacións?. Quen vela polo cumprimento desta ordenanza? Ana Veira García Portavoz do GM do BNG no Concello de Pontedeume