Esta portaxe é unha aldraxe!

Protesto do BNG na portaxe de Cabanas
Protesto do BNG na portaxe de Cabanas
Esta portaxe é unha aldraxe!

No pleno ordinario do mes de novembro aprobouse a moción apresentada polo BNG de Pontedeume, solicitando a transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galiza”, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galiza. Alén de Rexeitar o rescate multimillonario con fondos públicos de autoestradas co único fin de salvar á Banca e as construtoras que as xestionan, e instar a que os recursos públicos se destinen prioritariamente ao rescate de autoestradas en beneficio das usuarias e usuarios finais, para rematar coas peaxes abusivas da AP9.

Nela instamos aos grupos políticos desta corporación, a reafirmar e apoiar a iniciativa aprobada no Parlamento de Galiza que ten como finalidade superar un marco competencial onde Galiza nin decide nin opina sobre a xestión da vía de alta capacidade máis importante do punto de vista social e económico do país, e aspira a que desde Galiza se tome o control desa autoestrada, para rematar coas deficiencias na súa xestión, as tarifas abusivas e mesmo que sexa empregada como  obxecto especulativo por parte de grandes fondos de investimento dados os altos beneficios que xera, a custa do peto de sufridos usuarios e usuarias, co modelo de xestión que ten a administración central da AP-9.

A AP-9 é unha autoestrada que abrangue unha parte moi importante do territorio galego, ao conectar toda a franxa atlántica e catro das sete cidades galegas. Malia o seu carácter vertebrador, a AP-9 continúa a depender do Goberno Central, que mantén unhas peaxes desorbitadas que limitan o acceso a esta vía ás persoas con menos recursos, e lastran o desenvolvemento de sectores económicos galegos.  As competencias e a xestión desta autoestrada por parte do Estado é motivo de controversia, non só polas abusivas peaxes, senón tamén polo deterioro e servizo deficiente que presta a concesionaria, coa complicidade do Goberno central.

O Parlamento de Galiza, ao final da IX Lexislatura, por unanimidade de todas as forzas políticas con representación, aprobou a “Proposición de Lei  Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galiza”, que foi remitida ao Congreso dos Deputados para a súa tramitación e aprobación final.

O día 14 de outubro de 2016, o Goberno central comunicaba a desconformidade coa súa tramitación nas Cortes Xerais, en base a un suposto incremento de créditos orzamentarios. Con independencia de que as contas feitas polo Ministerio de Fomento son absurdas, ao fundarse nos ingresos brutos das peaxes nun ano determinado (co que no caso de que as galegas e galegos decidísemos durante un ano non usar dita infraestrutura e reducir ao mínimo os ingresos de peaxes xa nos sairía case gratis o rescate), constitúe un agravio comparativo e unha discriminación parapetarse nun suposto incremento orzamentario para vetar o debate sobre a transferencia da AP-9 a Galiza e poder abaratar o seu custe para as usuarias e  usuarios, cando se está a falar de achegar cantidades multimillonarias de diñeiro do orzamento público para rescatar autoestradas quebradas en Madrid, e que non redundarán precisamente nun beneficio das persoas que as usan, senón que irán directamente para compensar ás construtoras e á banca que tamén impulsaron esa ruinosa construción de vías de alta capacidade.

Alén disto,  para expresar o rexeitamento a que unilateralmente e sen xustificación, dun xeito totalmente arbitrario e despectivo cara a principal institución representativa de Galiza, mesmo se impoña un veto ao seu debate e tramitación nas Cortes Xerais. Polo tanto, tamén estamos a reclamar que se garanta un elemental dereito democrático por parte do Goberno central, a que unha iniciativa de tanta importancia para Galiza sexa debatida e sometida a consideración do Congreso e do Senado, non simplemente a ser arquivada sen ter a oportunidade de a poder facer valer.

Paralelamente e con motivo da aprobación desta moción, o BNG de Pontedeume participou, este sábado 25, nunha mobilización a nivel comarcal do BNG Ferrolterra, no que realizamos un protesto consistente en provocar un colapso no traxecto desde Cabanas até Fene ao pagar os 85 céntimos que custa dito tramo en moedas de 1,2 e 5 céntimos na caixa.