MOCIÓN SOBRE O 25 DE NOVEMBRO. DÍA INTERNACIONAL DE NON VIOLENCIA CONTA AS MULLERES

MOCIÓN SOBRE O 25 DE NOVEMBRO. DÍA INTERNACIONAL DE NON VIOLENCIA CONTA AS MULLERES

O BNG de Pontedeume rexistrou unha moción para o seu debate en pleno relativa á violencia machista.

O 25 de novembro é unha data referencial para dar visibilidade e reivindicar a necesidade de incrementar e mellorar a loita contra as violencias machistas. Desde que no ano 1981, ao abeiro do Primeiro Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe celebrado en Bogotá, nacera esta data como Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres en memoria das irmás Mirabal asasinadas no 1960 na República Dominicana a mans do ditador Trujillo, diferentes institucións internacionais recolleren, con desigual compromiso, esta data no seu calendario oficial.

Segundo os datos inventariados polo observatorio Feminicidio.net, que analiza e estuda o rexistro dos diferentes tipos de feminicidio, en Galiza rexistráronse cando menos 55 feminicidios e outros asasinatos de mulleres nos últimos sete anos, entre 2010 e o que vai de 2017. Foi 2015 o ano do rexistro máis alto, con 13 mulleres asasinadas das que 8 foron feminicidios íntimos no ámbito da parella, cifra que levou o noso país a encabezar ese terríbel ano a taxa de feminicidios do Estado español, aínda sen ter en conta vítimas crianzas das que de cinco asasinatos no Estado foron dous na Galiza. Do global destes casos analizados, máis do 60% producíronse no ámbito íntimo, o que dá unha dimensión da importancia deste pero tamén da necesidade de non limitar a violencia machista á parella, pois estariamos a deixar fóra moitas casuísticas que tamén deben ser obxecto das políticas de prevención e erradicación, así como do seu cómputo e estudo. Así mesmo, resulta alarmante e indica a necesidade de mellora do marco xudicial o feito de que desde o ano 2010 foran 11 as mulleres asasinadas que presentaran unha denuncia previa. Destas, dúas foran retiradas, unha rexeitada e noutros tres casos o agresor tiña unha orde de afastamento que incumpriu. Así mesmo, os informes e avaliacións que emanan do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial ilustra a resposta da Administración da Xustiza e as eivas do seu funcionamento e necesidades de mellora.

Grazas á loita de moitas persoas a prol da erradicación da violencia machista avanzamos colectivamente como sociedade na súa visibilización, un camiño en que tivo e ten un papel fundamental o traballo mobilizador, crítico e esixente de diferentes movementos de mulleres na Galiza e no mundo. Un traballo de visibilización, denuncia e redución que dista aínda de ser colectivo e prioritario para toda a sociedade e para todas as axendas políticas. A diagnose da vixencia estrutural das violencias machistas contra as mulleres debe comprometer ás institucións a destinar maiores recursos económicos, humanos e materiais para tal fin. Transformar a sociedade reducindo a fortaleza do patriarcado e superar todas as manifestacións de desigualdade e violencia que sofren as mulleres debe ser un obxectivo político de primeira orde.

Por estes motivos, o grupo municipal do BNG de Pontedeume solicitará do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte acordo:

 

  1. Instar á Xunta de Galiza a avanzar na concreción do Pacto galego contra a violencia machista acordado por unanimidade polo Pleno do Parlamento Galego o 25 de xaneiro de 2017, a comezar por destinar o 1% do Orzamentos para 2018 á prevención e loita contra todas as formas de violencia exercidas contra as mulleres con especial atención a aumentar os recursos destinados á asistencia e protección delas e as súas crianzas; a mellora dos medios e recursos xudiciais garantindo a existencia de espazos diferenciados para vítimas e agresores en dependencias xudiciais, o acompañamento das mulleres en situación de violencia machista durante todo o proceso e a súa atención por parte de persoal con formación especializada.
  2. Instar á Xunta de Galiza a cumprir e avaliar o grao de cumprimento da normativa recollida ao abeiro do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, con especial atención ao desenvolvemento e cumprimento do recollido na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
  3. Comprometer o apoio da Corporación ás mobilizacións locais e nacionais que desenvolvan as organizacións feministas galegas contra a violencia machista os 365 días do ano.