Resumo do pleno ordinario de xaneiro.

Resumo do pleno ordinario de xaneiro.

A corporación municipal aprobou dúas mocións apresentadas polo BNG-AA de Pontedeume no último pleno de xaneiro de 2016 coa abstención do PP. A primeira solicitaba que o goberno municipal se comprometa firmemente coa defensa dos sectores produtivos tradicionais do mar e que esixa a Xunta de Galiza  a retirada do Anteproxecto da Lei de Acuicultura de Galiza e o inicio dos contactos necesarios cos sectores afectados ao fin de redactar un texto acordado desde a base. Lembremos que hai muitas familias eumesas que viven do marisqueo e da pesca de baixura, polo que non comprendemos o desleixo do PP con esta problemática e con a nosa xente do mar.

A segunda moción solicitaba o cumprimento real e efectivo da Carta das Linguas Rexionais e Minorizadas, despois do relatorio da unión europea onde deixa quedar moi mal á administración galega, en canto ao cumprimento efectivo destas recomendacións das institucións europeas a respecto do galego.

Alen disto, neste pleno voltamos solicitar  a modificación, corrección e actualización dalgunhas ordenanzas municipais que son as que regulan os diversos servizos aos cidadáns. Xa que o consideramos necesario para unha maior operatividade, transparencia e incluso aforro  económico.

Tamén denunciamos a situación dalgunhas vivendas, locais....ubicadas en edificios en estado ruinoso e de abandono que fai  que existan situacións de perigo de derrubamento, de perigo de incendio, acumulación de lixo e bichería, insalubridade ademais de ser unha pésima imaxe para a veciñanza e as persoas de fora que visitan a nosa vila. Achamos que é fundamental coñecer o estado das mesmas, facer un "censo" da situación poñendo en funcionamento as medidas precisas ( requerimentos aos propietarios, intervención do concello...).

Outro dos pontos que abordamos foi a solicitude da elaboración  dun PLan COMPLETO DE INTERVENCIÓN NAS ZONAS DE ASOLAGAMENTO.

Río Covés, A Capela de Esteiro, A Graña, O Ameneiral....Este Plan deberá estar conveniado e subvencionado  con Augas de Galicia. Xa é hora de facer un labor serio neste problema repetido cada certo tempo.

Aliás no pleno tratouse un feito moi relevante e que lle vai costar 61.536,98 euros á cidadanía eumesa  pola neglixencia e ocultación do goberno anterior do PP, ao ter que facer fronte á indemnización por despido da anterior arquitecta municipal. Agardamos que non sexan máis xa que o recibo de documentación para o pago foi enviada ao concello antes das eleccións, e o PP unha vez máis, ocultou a súa existencia ( estaban próximas a as eleccións) polo que o xulgado pode aplicar multas por demora.

Tamén urximos á publicidade  para beneficio dos usuarios/as da tarxeta de transporte metropolitano de Galiza na área de Ferrol que supón un aforro importante para os usuarios do mesmo, cun aforro de case o 40%. O goberno municipal debe dar pulo a esta información.

Para rematar. Puxemos de manifesto as deficiencias nas instalacións e as queixas e denuncia no abono das taxas da piscina municipal de Pontedeume. Constatamos diferecias nas taxas entre as que se publicitan na páxina web do concello,(concellaría de deportes), as que están no  último regulamento de funcionamento e as que a empresa aplica aos usuarios/as. Sendo estas últimas a máis  altas cunha diferencia importante. E demandamos ao goberno municipal que interveña, dando a información precisa ademais de que se lle obrigue á empresa á devolución do cobrado de máis por parte da empresa concesionaria ás persoas usuarias.