Resumo do pleno do 29 de outubro de 2015.

Resumo do pleno do 29 de outubro de 2015.

ORDENANZA de AXUDAS para ADQUISICIÓN de MATERIAL ESCOLAR

O BNG-AA e a concelleira, Ana Veira, valora en positivo a aprobación da ordenanza de axudas para material escolar para este curso 2015-2016 para o ensino obrigatorio que facilitará que as familias reciban en tempo e non cun ano exacto de retraso como ocorría co goberno anterior do PP. Nesta ocasión o mesmo grupo municipal do PP non trocou a súa posición a non favorecer a entrega razoable destas subvencións e, pola contra, o noso grupo votou a favor.

MOCIÓNS PRESENTADAS polo BNG-AA e APROBADAS

Referente as 3 mocións presentadas polo BNG, estas foron aprobadas.

Por unanimidade a corporación aprobou o apoio á demanda dos preto de 9.000 mariñeiros xubilados que traballaron enrolados en barcos noruegueses e que seguen reclamando o dereito a percibir a parte correspondente á súa pensión.

A segunda moción, sendo o ano 2016 “Ano das Irmandades da Fala” declarado por unanimidade no Parlamento de Galicia, compromete ao noso Concello a colaborar coa administración pública e coas organizacións, colectivos e entidades para difundir a historia das Irmandades da Fala e á súa contribución ao traballo pola lingua e culturas galegas

Mais na terceira moción temos que lamentar que o Partido Popular votou en contra de ampliar as medidas para realizar un labor preventivo e educativo maior e deste xeito atallar e evitar a violencia de xénero. Tanto o BNG como o Goberno aprecian que ata agora as medidas tomadas son insuficientes polo que se precisa avanzar no apoio económico, psicolóxico e social. Abraiante foi que ao PP non lle gustou o termo feminicidio e, lamentablemente, tampouco a creación dun Estatuto da Vítima de Feminicidio.

ROGOScastelo andrade

Noutro punto deste pleno por medio do seu portavoz, Antonio Salvadores, reclamou, polo grande valor turístico, para o Castelo de Andrade, para o seu entorno e para o parque familiar da súa beira, unha actuación en forma de cursos ou obradoiros que á vez que forme desempregados se mellore na conservación das ruínas e se potencie a zona verde que o arrodea. Isto sería o xérmolo para abranguer posteriormente ao resto do noso patrimonio histórico-artistico e a sua protección e posta en valor.

Así mesmo, sobre a avespa velutina constátase que Pontedeume xa está afectado por este insecto prexudicial para as abellas autóctonas beneficiosa para a polinización en xeral e, concretamente, para as árbores froiteiras, ademais da produción do noso apreciado mel. O BNG rogaba ao goberno que se sensibilice e se sume á loita que xa ten emprendida a Asociación Galega de Apicultura, a Asociación Agroecolóxica, a Asociación da Froita Autóctona do Eume e a plataforma formada por 40 concellos afectados.

PREGUNTAS

No punto de preguntas da orde do día o BNG facía fincapé no Feirón semanal que o goberno do PP deixouno decadente e con este goberno do PSOE segue os pasos da súa desaparición; menos postos, menos variedade e pouco atractivo, agravado pola apurada recollida a partir xa das 2 da tarde.

SUXESTIÓNS

Entre as suxestións dirixidas ao goberno do PSOE e a súa correspondente valoración, é proposta de denominación do paseo marítimo como Paseo Fluvial Rosalía de Castro xa que parte da Praza de Rosalía onde tamén está seu monolito.

Outra suxestión que vimos reclamando desde o pleno organizativo é que os plenos se desenvolvan pola tarde, coma sempre, e non polas mañás. O pleno empezou ás 12 do mediodía e rematou ás 4 da tarde, ata agora todos os plenos foron así de longos, espesos e nada eficaces. Esperemos que a programada xuntanza de portavoces para primeiros de novembro sobre a elaboración dun regulamento de pleno dé coa clave da coherencia e sentido común.