O PSOE e o PP de Pontedeume van da man na privatización de servizos públicos.

O PSOE e o PP de Pontedeume van da man na privatización de servizos públicos.

No último pleno ordinario do mes de maio, PP-PSOE votaron xuntos a saída a concurso do servizo á Dependencia no concello de Pontedeume. Tan só os dous concelleiros do BNG-AA votaron en contra, polos motivos que a portavoz do grupo municipal nacionalista Ana Veira explicou en pleno, e que en resumo veñen a ser os seguintes:

- O BNG acredita nun modelo de xestión de servizos públicos levado a cabo directamente dende a administración, con persoal e dirección directa dende o público. Este modelo debe ser defendido con máis forza si cabe cando se tratan de servizos que teñen por obxecto atención directa ás persoas, e a atención á Dependencia é quizais dos servizos máis importantes e que con máis calidade se deben prestar.

- É certo tamén que as restricións na xestión orzamentaria ás que están sometidos os concellos nos últimos tempos inciden negativamente no obxectivo da prestación directa de moitos servizos, debido á imposibilidade para poder contratar persoal para efectivizalos. Pero neste caso concreto, achamos que se pode camiñar cara modelos que temos ben perto de nós, como é o caso do Concello de San Sadurniño gobernado polo BNG.

O feito de que gran parte do servizo de atención á Dependencia veña financiado dende a Xunta posibilita a creación de bolsas de emprego que podan ser útiles para prestar certos servizos na administración. E éste é un deses casos. Así o estamos a facer en San Sadurniño, onde co incremento da demanda imos incrementado a oferta en persoal que sacamos dunha lista de emprego temporal establecida para a materia, con personal coa cualificación e os requisitos requeridos adaptados á normativa.

Tamén, queremos facer unha serie de comentarios sobre o prego:

1.  O prezo por hora que se establece nos pregos é un tanto leonino, o que pode incidir na calidade do servizo. Son uns pregos que deixan entrever unha xestión un tanto economicista, visto os prezos tan baixos por hora, sen ter en conta como pode repercutir isto na calidade do servizo. A empresa adxudicataria, a menores marxes de beneficio, traballo de menos calidade vai ofrecer ( emprego de mala calidade que se traslada á calidade da prestación dos traballadores para con os usuarios). Alén disto, que o peso da oferta económica sexa dun 60% sobre criterios especificamente técnicos tamén nos fai ver ese economicismo que se busca na prestación do servizo. Si finalmente o goberno opta por aprobar estes pregos debería garantir que a oferta técnica se adapte ás necesidades dos usuarios e coa calidade precisa, e que esa calidade que se oferta na proposición técnica sexa auditada na execución do contrato.

2. Parécenos ben que neste proceso de contratación se busque que a empresa adxudicataria sexa fiable e solvente. Pero isto non significa que se teñan que poñer uns criterios de solvencia económica tan altos, o que vai restrinxir a concorrencia e inviavilizar a posibilidade de que liciten pequenas empresas do sector na comarca. Os niveis de facturación que se esixen só están a altura do que poden acadar as EULEN, FERROVIAL e CLECE de turno...E todos estamos a ver día tras día, como hai unha relación directa entre a corrupción e a adxudicación a este tipo de empresas de servizos que deberán ser púbicos.

3. Para finalizar, dá a impresión de que ao optar por este modelo, semella que o goberno municipal se quere quitar un morto de enriba na xestión deste servizo ( delegar a execución material, as quendas de persoal, as baixas, as queixas dos usuarios, etc.).