Preguntas do BNG para o pleno do 27 de febreiro.

Preguntas do BNG para o pleno do 27 de febreiro.

1.- Distintas entidades solicitaron a Casa da Cultura para desenvolver actos públicos e lles foi denegado dun xeito falto de coordinación e nada correcto. Isto xa ten ocorrido outras veces. O BNG considera que é un local infrautilizado e axeitado para cando se prevé a asistencia dun determinado número de xente ou da temática a desenvolver.

Non existe un necesario regulamento de uso, polo que queremos saber que criterios racionais de préstamo ten o Goberno?

 

2.- A principio do ano 2012 aprobouse por unanimidade declarar todos os 24 de febreiro DÍA DE ROSALÍA cun acto que remarcase o que Rosalía de Castro fixo polas letras galegas.

No mes pasado lembrabamos, para non esquecer o deste ano, cun rogo o acto de suma categoría e sinxelo celebrado o ano pasado.

Cal foi o motivo que nestas datas aínda non se cumprise o mandato plenario?

 

3.- No convenio con AQUAGEST, agora VIAQUA, entre outros incumprimentos, sinala que o horario de atención ao público na oficina sita na rúa Betanzos sexa de 9:00 h. a 14:00 h. e nun carteliño na porta de dita oficina marca o horario de 9:00 h. a 13:00 h. Aínda así este horario non se cumpre.

Hai malestar porque persoas que se achegan para consultas e información atópanse cosa portas pechadas durante un prolongado tempo e en varios momentos.

Ten o Goberno comprobado o por que desta falta de atención e que pensa facer para mellorar a atención pública deste Servizo Municipal de Augas?

 

4.- As obras na Alameda de Raxoi están por empezar e nunha nota aparecida no Diario de Ferrol, 29/01/2014,  o Goberno se interesaba pola empresa adxudicatoria que presentaba concurso de acreedores con serias dificultades para cumprir o contrato.

O BNG quere coñecer a situación actual e cal, no caso máis grave, como é ou será a solución final?

 

5.- Desde mediados de xaneiro na estrada da Deputación 4803 á altura do mirador de Centroña foi agrandando un socavón que a atravesaba e neste día está controlado e reparado en parte,

Cal foi a súa orixe?

De quen é a responsabilidade do seu amaño?

 

6.- Nesta mesma estrada de Pontedeume a Miño pola costa, en Vizús, empeza de novo a afundirse nun lugar que leva varias actuacións sen éxito.

Podrase atopar unha reparación definitiva?

 

7- Todos debemos ser conscientes da necesidade de persoal na nosas oficinas da administración e, ademais, pola baixa dun policía, dos problemas que xeneran uns turnos de garda difíciles de cadrar. Máis persoal non equivale a folganza xeral, senón que con persoal adecuado as tarefas fanse máis rápidas, correctas, en prazo, sen agobios e cun ambiente de traballo positivo.

No pleno do mes de decembro o BNG fixo unha pregunta sobre cando o exame da convocatoria das prazas de 2 administrativ@s e de 4 prazas de policías locais.

A resposta foi rápida e crara, en dous meses. Pasaron xa estes dous meses e vai cara os dous anos da convocatoria.

Cando rematará esta convocatoria da Oferta de Emprego Público do ano 2011?

 

8.- Nun escrito da oposición rexistrado e dirixido  ao Sr. Alcalde, á Concelleira de Comercio e Turismo e ao Concelleiro de Infraestruturas e Medio Ambiente expoñían o seguinte:

 

Nas visitas realizadas ao Mercado Provisional nas Lonxas de Raxoi constatamos algunhas deficiencias no seu estado e no seu funcionamento que consideramos coñecidas polo goberno e subsanables por parte da súa responsabilidade política e que relacionamos a continuación:

 

A pesar do traslado forzoso, os distintos titulares dos postos tiveron que facer fronte a uns gastos que de continuar no Mercado Municipal estarían exentos:

  • Reforzaron as cámaras frigoríficas para poder colgar os seus produtos e puxeron estantes para estibalos.
  • Colocaron barras no teito para colgar e expoñer para a súa venda.
  • Instalaron vertedoiros nas peixerías.
  • Impermeabilizaron as paredes baixo os mostradores.
  • Compraron e instalaron mostradores de frío en carnicerías e chacinerías.
  • Cada un dos postos pagaron o seu boletín de enganche á electricidade.

 

Despois da alta inversión económica municipal existen problemas que deberían estar resoltas antes do traslado a este mercado:

  • Despois da partida económica para tal fin, a frecuencia dos asolagamentos cando coincide fortes choivas e mareas vivas, nada estraño en Galicia, é desesperante.
  • A presenza dunha rata indica que hai máis. Isto conleva un inquedanza perigosa para os consumidores, praceiros e a inspección sanitaria.
  • Entre a cámara frigorífica e a parede permanece un espazo sen selar que pode ser foco de sucidade e paso de bichería.

 

Con tempo suficiente para buscar e, ademais, non atopar unha solución nin pedir consello antes da ubicación provisional dos praceiros neste mercado provisional, o PSOE e o BNG comproban outras carencias:

  • Non existe protección da hixiene para os produtos de exposición no mostrador nin dentro das cámaras cando o mercado está pechado.
  • Non hai lugar para almacenaxe para obxectos relacionados cos produtos en venda nin para utensilios de limpeza dos praceiros e praceiras.
  • Non existe información dos postos e produtos que venden. Bótase en falta a publicidade do mercado e un directorio de situación.
  • Nótase a falta do Libro de Incidencias.
  • No consta a existencia dun seguro de responsabilidade civil.

Os dereitos e deberes dos praceiros e praceiras son para todos:

  • Non sabemos a razón da existencia de tomas gratuítas de electricidade e almacenaxe de materiais para algúns e non para todos.

 

Finalmente, pasada a situación límite xerada anteriormente e con ánimos de normalización, a verdadeira e sincera preocupación dos grupos da oposición é o deterioro da convivencia:

  • Entre praceiros/as.
  • Entre praceiros e encargado.
  • Entre encargado e Concelleira.
  • Entre praceiros e Concelleira e Goberno.

 

E SOLICITAN

A toma en consideración e a solución o máis axiña posible de todas estas incidencias aquí declaradas.

 

Que ten pensado facer o Goberno para solucionar os gastos extras dos praceiros?

Cando vai amañar os problemas existentes?

Ten o Goberno a vontade de normalizar o que a oposición califica de falta de diálogo, ou iremos por costume a xudicializalo?