Pedimos a posta en marcha dunha política forestal integral que evite a vaga de lumes que nos asola.

Pedimos a posta en marcha dunha política forestal integral que evite a vaga de lumes que nos asola.

Os incendios forestais son froito de décadas de políticas de fomento do abandono das actividades agrarias e gandeiras tradicionais, da especialización da Galiza en cultivos forestais de crecemento rápido, cuns montes en moitos casos en estado de abandono, de caos urbanístico e falta de ordenación de territorio e de despoboamento progresivo do noso medio rural.

A política forestal e agrogandeira do PP non só é destrutiva coas potencialidades do agro galego, ao expandir a desertización e abandono de amplas zonas do territorio e tamén permitir a introdución de masas forestais con especies pirófitas (como o piñeiro e o eucalipto) en zonas próximas aos asentamentos de poboación, senón que ademais contribúe a alimentar os factores que propician os incendios forestais.

O actual Goberno galego acometeu medidas que agravaron a desprotección do territorio e das persoas ante a ameaza dos incendios forestais.

Por unha banda promoveu medidas lexislativas consistentes na eliminación ou redución considerábel das distancias de separación das plantacións forestais aos núcleos rurais, na autorización de novo das plantacións de masas continúas de especies pirófitas, na supresión de faixas de especies frondosas que actuaban de corta lumes, ou na eliminación de medidas que pretendían implicar á poboación na xestión e defensa do monte, como son a desaparición do voluntariado do monte ou das axudas para brigadas de prevención das propias comunidades de montes, entre outras.

Do mesmo xeito que aquí en Pontedeume o goberno aprobou inicialmente a ordenanza correspondente e que lembramos que o BNG Pontedeume alegou as distancias aos núcleos de poboación

Por outra banda, os recortes indiscriminados aplicados polo PP desde 2009 tamén afectan de cheo a un dispositivo de emerxencias e seguridade, como é o da loita contra o lume, que retornou a un nivel de recursos similar ao de hai unha década, agravado por unha nefasta xestión administrativa que demorou o seu desenvolvemento até moi avanzada a época de alto risco, así como a case total eliminación de actuacións preventivas  básicas, e finalmente, retomou un modelo de dispositivo fracasado, co regreso de brigadas municipais,  sen unhas mínimas esixencias profesionais e que favorecen a fragmentación do mando único do dispositivo.

En Pontedeume, cuadrillas municipais que deberían constituirse na primavera foron creadas avanzado o verán, e que non actuan na prevención de lumes.

O monte volve estar desprotexido, o PP teima en políticas que arredan a poboación do rural da xestión e a implicación vital e económica co monte, e que favorecen un modelo produtivo intensivo sen ter en conta unha mínima ordenación dos cultivos. Como resultado, hai máis combustíbel nos montes e terras de cultivo que nunca, hai máis perigo preto de núcleos poboados polo abandono fomentado das terras agrarias que circundan os núcleos de poboación e mesmo por conceder de novo axudas públicas á forestación de terras agrarias a menor distancia dos asentamentos rurais.

Se o Goberno da Xunta non fai unha verdadeira política de prevención de lumes, traxedias coma as do Pindo volverán a repetirse ciclicamente.

Á vista disto, non cabe parapetarse exclusivamente no proceder delitivo de pirómanos e incendiarios. A investigación e persecución dos autores dos incendios é inescusábel e tamén prioritaria, mais tamén o son a adopción de políticas e medidas que preveñan e minimicen os efectos dos incendios forestais. A política contra os lumes forestais dos goberno do PP baséase exclusivamente en apagar lumes, mesmo de xeito deficiente dadas as restricións orzamentarias aplicadas aos servizos de extinción, tamén a custa dunha falsa austeridade que se emprega para afogar o financiamento de servizos públicos básicos ao tempo que se prodiga en rescatar con fondos públicos á banca. Non hai política forestal preventiva, planificación de cultivos, ordenación territorial, colaboración coa veciñanza do medio rural para vixiar e protexer o monte, hai unha fuxida e un desenfoque  dos problemas reais do monte e do medio rural, cinguindo a loita contra os lumes forestais a unha cuestión de orde pública, o que, sen dúbida, fará que persistan os incendios forestais como unha enfermidade crónica para Galiza.

A maioría responsable da cidadanía cre que gastamos en apagar o que non se invertiu en prevención e, aínda por riba deixa o país en cinzas.

Por todo o dito, o BNG de Pontedeume propón a este Pleno a adopción dos seguintes

ACORDOS

1º.- Dirixirse a Xunta de Galiza para revisar de xeito inmediato o dispositivo de defensa contra incendios forestais e que, conxuntamente co goberno do Estado, implemente de maneira urxente as medidas necesarias dirixidas a paliar os danos causados pola vaga de lumes e contribuír a súa extinción.

2º.- Dirixirse a Xunta de Galiza para que implemente as medidas necesarias para a recuperación do monte afectado pola vaga de incendios e para poñer en marcha unha nova política que teña como eixos:

  • ·Unha nova política forestal, orientada á ordenación dos espazos forestais facéndoos compatíbeis con outras actividades agrarias, á diversificación de especies e á diversificación de aproveitamentos económicos dos montes.
  • ·O impulso dunha política preventiva contra os incendios forestais, eliminando os incentivos á forestación de terras agrarias e ampliando as zonas de protección dos núcleos rurais, adoptando as medidas precisas para asegurar un cumprimento rigoroso da limpeza da biomasa forestal nestas zonas.
  • ·Unha nova política que permita operar na propiedade das terras agrarias e forestais favorecendo a mobilidade e fórmulas de explotación colectiva.
  • ·Unha política de intervención no medio rural que pule pola reactivación socioeconómica da actividade agraria e corrixa a tendencia ao progresivo despoboamento.
  • ·A renuncia á política de recortes orzamentarios en servizos públicos básicos como da prevención e extinción de incendios forestais, asegurando recursos para poder acometer tanto un dispositivo axeitado como despregar accións preventivas no monte no marco dunha nova política forestal.
  • ·Unha maior tecnificación e profesionalización dos servizos de prevención e extinción de lumes.

3º.- Solicitar da Xunta de Galiza a que, en colaboración co Goberno central, poña en marcha un programa de axudas para paliar os danos ocasionados polos incendios forestais na vaga de agosto de 2013, consistente en:

  • ·Restabelecemento de infraestruturas públicas e privadas afectadas (viarias, canalizacións hidráulicas, tendidos eléctricos, de telecomunicacións etc)
  • ·Reposición de cultivos, instalacións e infraestruturas agrarias afectadas polo lume.
  • ·Reparación de vivendas e construcións auxiliares afectadas.

Actuacións de protección do solo queimando, para paliar os efectos da erosión e prever o arrastre de terreo vexetal aos sistemas fluviais e marítimos.

Pedimos a posta en marcha dunha política forestal integral que evite a vaga de lumes que nos asola.