O BNG de Pontedeume fará unha oposición constructiva mais implacábel cos incumprimentos.

Xurxo Allegue resp local BNG.
Xurxo Allegue resp local BNG.
O BNG de Pontedeume fará unha oposición constructiva mais implacábel cos incumprimentos.

Xurxo Allegue resp local BNG.

En primeiro lugar queremos agradecer de todo corazón ás 757 persoas que elexiron este domingo como opción política, para os-as representar no noso concello, a BNG-Asembleas Abertas de Pontedeume. Énchenos de satisfación que perto dun 16% da poboación eumesa ache imprescindíbel que Pontedeume e Galiza dispoña dunha forza que cré na autoorganización do povo galego e que portanto teña o seu centro de decisión na Galiza, e en definitiva que conte cunha forza soberanista e de esquerdas como o BNG-Asembleas Abertas en Pontedeume. Comprometémonos a que con o noso traballo nos vindeiros catro anos, non se arrepintan de térmonos elexido.

O povo de Pontedeume falou e falou ben claro, apostou polo cambio, e para elo deu a maioria absoluta ao PSOE, afastando do poder ao PP e a sua nefasta xestión dos últimos oito anos, elexíndonos a nós para facer oposición. Unha oposición que faremos de forma constructiva como sempre foi a nosa intención, aportando as que consideramos son as solucións mais acaidas para resolver os principais problemas do noso concello, mais tamén faremos unha oposición implacábel cos posibeis incumprimentos do futuro goberno.

Precisamente, hai un cambio que hai que valorar positivamente, un cambio ao que contribuíu o BNG por eses catro anos de oposición, pois todos os temas importantes para a maioria social de Pontedeume estiveron na axenda da nosa organización, ben mediante mobilizacións na rúa, ben mediante traballo institucional, as máis das veces ocultado ou manipulado polos medios de comunicación.

Non obviamos os resultados, ainda que subimos case dous pontos porcentuais respecto as anteriores eleccións municipais de 2011, creemos que poderían ser mellorabeis, mais tamén é certo que houbo moitas ansias e intencións de que o BNG non só non subira senón que baixara a súa representación. A estas persoas que ansian a desaparición do nacionalismo galego, queremos transmitirlles unha mensaxe ben clara, O BNG-Asembleas Abertas non vai mudar un milímetro no seu ideario nacionalista e de esquerdas, como ben dixo o compañeiro Carril no seu discurso de feche de campaña "O noso compromiso nestas vidas antagónicas é o de seguir mantendo o xuramento dos «bos e xenerosos» das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, porque nós non somos flor dun día ou dunha moda que nace e desaparece. Somos flor dunha planta enxebre e centenaria chamada nacionalismo galego, onde a cuestión social e a cuestión nacional son inseparábeis."

Para rematar, queremos felicitar ao PSOE e a Bernardo polos excelentes resultados colleitados. Felicitacións que extendemos a toda a familia socialista eumesa, parabéns que xa foran dados na noite electoral tanto por parte de Antonio Salvadores portavoz do grupo municipal, como pola miña parte como responsábel local, en nome de toda a organización BNG-Asembleas Abertas de Pontedeume.