A sociedade necesita medidas para PARA COMBATER A VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

A sociedade necesita medidas para PARA COMBATER A VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

Grazas á loita de moitas persoas a prol da erradicación da violencia machista avanzamos colectivamente como sociedade na súa visibilización, un camiño en que tivo e ten un papel fundamental o traballo mobilizador, crítico e esixente de diferentes movementos de mulleres na Galiza e no mundo. Un traballo de visibilización, denuncia e redución que dista aínda de ser colectivo e prioritario para toda a sociedade e para todas as axendas políticas. A diagnose da vixencia estrutural das violencias machistas contra as mulleres debe comprometer ás institucións a destinar maiores recursos económicos, humanos e materiais para tal fin. Transformar a sociedade reducindo a fortaleza do patriarcado e superar todas as manifestacións de desigualdade e violencia que sofren as mulleres debe ser un obxectivo político de primeira orde.

O 25 de novembro é o DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA e sabemos que para modificar a presente situación é fundamental aumentar os recursos destinados á asistencia e protección das mulleres e as súas crianzas; a mellora dos medios e recursos xudiciais garantindo a existencia de espazos diferenciados para vítimas e agresores en dependencias xudiciais, o acompañamento das mulleres en situación de violencia machista durante todo o proceso e a súa atención por parte de persoal con formación especializada, e tamén educar á sociedade, a homes e mulleres, a mozos e mozas, a nenos e nenas.

Facer campañas é bo, poñer sobre a mesa realidades….. mais é  de vital importancia formar en igualdade. Esta formación no debe recaer só no ámbito escolar senón que debe ser tomada dun xeito transversal.

 En Pontedeume carecemos de programas e actividades que teñan uha continuidade no tempo e que non sexan só froito de actos puntuais.

 O BNG-Asembleas Abertas leva tempo pedindo a posta en funcionamento do chamado PLANET CLUB que foi una actividade de ocio alternativo e formativo nas tardes do sábado e que funcionou, de xeito continuo, hai anos para mozos e mozas dende os 12 anos.  Nestas idades é de vital importancia educar nos tempos de lecer fomentando igualdade, participación en diversos obradoiros…

Daquela as actividades contaban con monitores, educadores e educadoras de tempo libre…

Nunha vila como é a de Pontedeume é fundamental que os  rapaces e rapazas teñan un lugar onde atoparse e compartir tempos xa que están abocados á rúa ou a locais de consumo.

Planificar outro  ocio axuda á formación integral e pode dar outros recursos a estas xeracións de xeito que estabelezan outro tipo de relación entre eles e elas.

Queremos que se fagan políticas con obxectivos de igulade de xénero, planificadas, non polo compromiso de celebrar un día. No último pleno municipal o BNG-Asembleas Abertas demandou planificación e activar iniciativas como Planet Club, mais desgrazadamente para a veciñanza de Pontedeume nin o Psoe quere destinar esforzos a axudar a erradicar esta lacra nin o PP está polo labor de facilitar máis fondos.