Pontedeume perde o tren do futuro con este goberno do PP.

Pontedeume perde o tren do futuro con este goberno do PP.

20140713. PASEO MARÍTIMOO Goberno apático e teimudo do PP ten paralizado ao concello de Pontedeume nos diferentes servizos aos que está obrigado prestar aos eumeses. Leva xa varios anos de apatía para innovar e de obstinada soberbia para corrixir uns servizos deficitarios en persoal e material.

 O Goberno minte coa escusa de que non pode contratar para cubrir as baixas dos empregados polas merecidas vacacións ou por enfermidade, xubilación ou falecemento. Pero si, tarde, mal e a rastro, adxudica a dedo contratos con empresas amigas para empregar amigos.

 ¿Como se explica que concellos como San Sadurniño, Mugardos,  e outros, contraten administrativos e operarios sen incorrer en ilegalidade? A resposta é clara, ou teñen mellores asesores ou os seus alcaldes están máis comprometidos cos seus respectivos concellos.

 Segundo a lei:

 “Durante o ano 2014 non se procederá á contratación de persoal temporal, ni ao nomeamento de persoal estatutario temporal o de funcionarios interinos salvo en casos excepcionais e para cubrir necesidades urxentes e inaprazables que se restrinxirán aos sectores, funcións e categorías profesionais que se consideren prioritarios ou que afecten ao funcionamento dos servizos públicos esenciais”.

 Estas necesidades de persoal pódense contratar a través dunha lista de traballo temporal ou concurso-oposición. O BNGpontedeume ven avisando ano tras ano con suficiente antelación o xeito transparente de cubrir estas vacantes. Un caso grave e alarmante, sendo Pontedeume un concello turístico, é o servizo de limpeza e de recollida de lixo que está ao 50 % de operatividade. O noso Goberno agobia ao escaso persoal que, inmerecidamente, carga as culpas para quedar libre de responsabilidade e así quere sementar o camiño para a privatización. Isto constátase nos colectores de lixo desbordados coa recollida de lixo agora non diaria, as zonas verdes pouco coidadas e  as malas herbas invadindo rúas, prazas e camiños.

 O Goberno de Gabriel Torrente ten abandonadas de forma constante e desprezativa as praias de Sopazos, Centroña e Ver. As praias de Centroña e de Ver continúan coa cualificación de INSUFICIENTE, non aptas para o baño, e a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade non recomenda o baño nas súas augas. Contrasta o que o Concelleiro responsable no pasado mes de marzo anunciara que todo estaba solucionado  e o emisario reparado. A día de hoxe, mediados de xullo, o emisario de augas residuais que desemboca na praia de Ver segue con fugas no seu curto treito, con saída do emisario en area seca en baixamar e cun grande burato de xa 60 centímetros, cálculo feito en relación cun billete de 20 euros, como se aprecia na fotografía. Todo isto a pesar das insistentes queixas e recomendacións por escrito e, tamén, en sesións plenarias feitas polo BNG.

 O BNGpontedeume faise eco das queixas da veciñanza doutra grande eiva do sr. Alcalde; desde o mes de marzo non se tramitan licenzas de obras e non por culpa do departamento de urbanismo, senón pola ausencia de Xuntas de Goberno Local que non se reúne desde hai máis de 3 meses desobedecendo, outra vez máis, un acordo plenario.

Ao Goberno e ao Alcalde este mandato fáiselle moi longo, non sabe negociar coas distintas administracións nin sabe presionar, porque xa non ten crédito político. Pontedeume segue sen Plan Urbanístico, que a estas alturas debería estar aprobado definitivamente pola Xunta; segue sen Plan de Protección de Casco, a ferramenta esencial para dignificar as numerosas casas en ruínas e solares abandonados dentro da Vila; segue coas escasas prazas de aparcamento, promesa electoral de todos os políticos, incluído a do actual Presidente da Xunta; segue sen fondos comprometidos para a rehabilitación integral do Mercado Municipal, outro motor da actividade comercial; segue sen saber nada do proxecto da nova Escola Infantil Municipal, con terreos xa comprometidos; segue sen ter nen un só acordo cos empregados municipais, sempre cunha relación xudicializada e en continuo conflito; segue sen modificar nen actualizar as ordenanzas, algunhas aínda expresadas en pesetas; segue sen rematarse, entre outras obras, o Edificio Firrete, con 8 anos de espera; ... e suma e segue.

Pontedeume perde o tren do futuro con este goberno do PP.