Grazas Antonio.

Grazas Antonio.

Antonio SalvadoresHoxe faise efectiva a renuncia de Antonio Salvadores no pleno ordinario de Marzo como concelleiro e portavoz do grupo municipal do BNG-AA de Pontedeume.

No BNG de Pontedeume sempre consideramos a Antonio unha persoa próxima e identificada co nacionalismo. Cando se lle pediu formar parte  da nosa candidatura para as municipais de 2011, nun posto destacado, Antonio mostrou a súa boa disposición a contribuír co seu compromiso e coa súa experiencia. Podía ficar na casa comodamente e seguir desfrutando da súa xubilación. Mais el sempre foi defensor da idea de que as persoas con máis tempo libre non teñen escusa para non se dedicaren á política.

Por outra parte, a aportación de Tonio á nosa organización ten , máis valor se cabe, porque se produce nun contexto non exento de problemas para a mesma. Seguro que moitos outros, de se veren no seu caso, optarían egoistamente por se manteren á marxe. Tonio entendeu e demostrou coa súa entrega que é preciso manter e reforzar unha alternativa nacionalista como o BNG. Nas últimas Municipais o BNG eumés pediulle encabezar a nosa candidatura. El, unha vez máis, deu mostra de madurez e xenerosidade e aceptou o repto. Seguían a ser tempos nada doados para as nosa expectativas electorais. Durante estes case 5 anos Antonio cumpriu escrupulosamente o traballo na institución municipal, formando parte da oposición e preocupouse de manter informadas todas as persoas afiliadas e simpatizantes .

Por estas e outras moitas razóns o BNG eumés non pode estarlle máis agradecido. Mais isto non significa agradecerlle os servizos prestados –que tamén!- nin despedirnos del e pasar páxina. Antonio Salvadores vai seguir sendo un colaborador directo dos nosos concelleiros e da nosa Asemblea local.