O felón Torrente esquece á xente que vive do mar

O felón Torrente esquece á xente que vive do mar

Puerto de Pontedeume - Flota Amarrada /O alcalde Torrente dalle as costas á xente de Pontedeume que, igual que el mesmo antes de vivir da política, viven do mar, botando abaixo unha moción do BNG de Pontedeume que solicitaba o apoio  da corporación municipal á frota do cerco e de artes menores que reclaman un reparto xusto das cotas da xarda e do xurelo. O BNG pedía un cambio profundo da  política de pesca da Unión Europea e a derrogación do Principio de Estabilidade Relativa, que consagra a discriminación estrutural da frota pesqueira galega. Reivindicabamos o exercicio pleno das competencias galegas sobre as nosas augas e eliminar as cotas de pesca fixadas desde Bruxelas no noso propio litoral.

E é que máis unha vez, a Unión Europea, a través do Consello de Ministros de Pesca -sempre co entusiasta voto favorablel do Goberno español e a conivencia da Xunta de Galiza- volvía fixar uns topes de captura discriminatorios para a frota pesqueira galega. Esta decisión, non fundamentada cientificamente, pretende primar os intereses económicos e comerciais doutros estados fronte ás necesidades do sector pesqueiro galego, claramente prexudicado en todo este proceso. Trátase de regras de xogo da UE incompatíbeis coa existencia e o futuro do noso país en materia pesqueira.

O problema non é que non haxa peixe no noso litoral: haino, e ben abundante. O conflito xorde cando se prohibe pescar á frota galega e si se permite facelo a outras frotas. É, en definitiva, un problema político, que precisa de solucións políticas.

No caso do xurelo correspondéronlle ao Estado español un total de 16.592 toneladas, o que supón un 26% menos das que se recibiron o ano pasado de 22.409 toneladas (“marabillosa negociación”, por certo, para o Goberno galego e o ministro Arias Cañete, pois -afirmaban- é mellor reducir un 26% que un 40%), mentres que á a frota vasca mantén as capturas na zona do Golfo de Bizkaia e son compensados coa subida do verdel (estornino ou xarda veteada), nun 30%, en prexuízo da frota galega.

Aceptadas á última hora as cotas deste ano 2014 mediante un pacto pechado en falso, a nosa frota necesita un apoio para solucionar definitivamente as xustas reclamacións para anos vindeiros.

Mais a Torrente e o PP os problemas da veciñanza, non lles importan,  a eles o único que lles preocupa é a que empresas amigas favorecer e subir os seus salarios mentres soben os impostos ás maiorías sociais e as abocan á ruína coas súas políticas neoliberais.

O felón Torrente esquece á xente que vive do mar