Demandamos medidas reais para a creación de emprego digno para a mocidade na nosa terra.

Demandamos medidas reais para a creación de emprego digno para a mocidade na nosa terra.

emigraciónO grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas de Pontedeume, a iniciativa da súa portavocía presenta a moción para o seu debate en Pleno, relativa á esixencia á Xunta da Galiza de medidas reais para a creación de emprego digno para a mocidade. Solicitando que se demande da Xunta da Galicia a elaboración e desenvolvemento de medidas reais para a creación de emprego digno para a mocidade,  en colaboración co concello e outros axentes sociais.

 Nos últimos anos vivimos a dramática situación da precariedade laboral, desemprego e emigración xuvenil da mocidade galega. Segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e a Enquisa de Poboación Activa (EPA), actualmente na Galiza o 55,8% das persoas mozas non teñen traballo, case o 60% dos contratos á mocidade son de carácter temporal, con contratos por días e mesmo por horas (no 1º trimestre do 2015 había 3.500 persoas con contrato temporal dun só día, un 133%  máis que no 1º trimestre de 2010). En 2014 emigraron da Galiza 30.154 persoas, 4 de cada 10 tiñan entre 16 e 34 anos. A emigración na Galiza desde 2009 (ano da chegada ao goberno de Núñez Feijóo) suma máis de 147.200 persoas que marcharon, a maioría delas son mozas.

 A poboación galega traballa máis horas ao mes que a media española, mais os salarios na Galiza caeron en setembro un 2,2%, mentres en España soben.

 As mulleres galegas, e en maior medida as mozas, padecen taxas máis elevadas de temporalidade e precariedade, con salarios máis baixos por igual ou máis traballo.

 Ademais, as sucesivas reformas laborais dos gobernos españois consolidaron o traballo temporal, a esmola por salario e contratos en prácticas ata os 30 anos, facendo que a nosa mocidade estea na práctica pagando por poder traballar.

 Ao abeiro destes datos, faise necesario, polo tanto, unha aposta rigorosa para o fomento do emprego digno destinado á mocidade, que posibilite condicións favorables para a creación de postos de traballo, co obxectivo de evitar a fuga de persoas novas e posibilitar o regreso da mocidade emigrada nos últimos anos.