O BNG de Pontedeume non considera solución axeitada o aparcadoiro no IES Fragas do Eume

O BNG de Pontedeume non considera solución axeitada o aparcadoiro no IES Fragas do Eume

Aparcamiento en Pontedeume al lado del IES Fragas do Eume /

En primeiro lugar, desde o BNG queremos manifestar que esta non é a promesa que fixo o PP de Pontedeume  durante a campaña electoral das municipais. Cabe preguntarse se o señor Alcalde e o PP xa “aparcaron” definitivamente o proxecto co  que se presentaron ás eleccións en 2011 e que estivo exposto a todos os veciños nos baixos do Concello.

A solución máis fácil, claro está, é botar man do campo de deportes dun IES, pedindo unha concesión á Consellaría de Educación,  solución que pode parecer provisoria, mais que, seguramente, se perpetuaría no tempo, caso de concederse. Entendemos que o PP non pode seguir presionando deste xeito a un Centro e á súa comunidade esolar.  Non se poden iniciar uns trámites coma estes sen ter antes consultado e informado ao Consello Escolar do propio Centro.

Todo o mundo pode supoñer que as parcelas dos Centros educativos, sexan de primaria ou de secundaria, se ateñen a unhas medidas estándar  co fin de dar cumprimento a todas as necesidades do Centro e particularmente do alumnado. Cando ao noso Concello –como a calquera outro- se lle pide unha parcela para facer un Centro educativo, esta ten que ter unhas medidas determinadas; se non, a propia Administración educativa, acaba  poñendo problemas. O REAL DECRETO 132/2010, do 12 de febreiro.Fixa os requisitos mínimos que deben cumprir os Centros docentes, as instalacións que deben ter."Os Centros escolares deben situarse en edificios independentes, destinados exclusivamente a uso escolar, aínda que poidan ser utilizadas as súas instalacións fóra do horario escolar para a

realización doutras actividades de carácter educativo, cultural ou

deportivo”.

Non podemos compartir a proposta do PP e apoiada polo PSOE de substraerlle a un  Centro educativo como é o IES Fragas do Eume arredor de 5.000 metros cadrados de terreo para enchelos de coches. Ese espazo necesítase para as actividades deportivas de todo o alumnado.

Dende o BNG consideramos que o PP debe realizar as accións e xestións pertinentes coas administracións amigas “Goberno Estatal, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña”, para executar o compromiso acadado coa cidadanía nas municipais de 2011 por parte do PP de Pontedeume, que non é outro que a consecución dun aparcadoiro subterráneo. Asemade e mentres non se consegue levar a cabo este proxecto, o BNG propón unha serie de alternativas para subsanar o problema de aparcadoiro na vila como son:

  1. Sectorizar e optimizar o espazo de aparcamento actual, delimitando as prazas e facendo un seguimento de que os vehiculos ocupen a súa praza, e non como na actualidade.
  2. Chegar a acordos coas propiedades onde hai chan inutilizado, para adaptalo e utilizalo como aparcadoiro; Pelamios, Estación, en fronte Centro saúde, etc…
  3. Aposta por servizo público de transporte os sábados para o feirón e no verán para as praias que percorra as parróquias, e que inclúa horarios nocturnos para os mais xóvenes as fins de semana, como acontecía co noitebús.