O BNG de Pontedeume en contra do decreto 125/2014 do 4 de setembro.

O BNG de Pontedeume en contra do decreto 125/2014 do 4 de setembro.

pontedeume_feirónO pasado mes de setembro publicouse o Decreto 125/2014, do 4 de setembro,  polo que se regula a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final. Este decreto se desenvolve hoxe día 20 de outubro e entende por venda directa a que se realiza na casa, en mercados e feiras e en tendas minoristas, que vendan directamente ao consumo final e establece unha serie de requisitos para poderen realizar esa venda.

Desde o BNG sempre defendemos que se prestixien os nosos productos primarios como de calidade e que cumpren coas garantías de salubridade.

Igualmente, como así ocorre no noso Concello cunha tradición ancestral na venda directa nas desaparecidas feiras e que actualmente dan vida ao Feirón semanal e Mercado Municipal, xulgamos que se debe facilitar desde os poderes públicos a súa comercialización en circuítos curtos e de proximidade para garantirlles o máximo beneficio aos e ás produtoras e que a actividade agrícola, a súa transformación e comercialización sexa un elemento de produción de alimentos, de creación de emprego e de dinamización económica.

Sabemos que Galicia é un país minifundista coas súas características particulares, e os seus gobernantes para aplicar as normas e as leis deben adaptalas e non facer deste país unha copia doutros lugares.

En Pontedeume non somos alleos a estas medidas que trocan pouco a pouco, drasticamente, a vida, costumes e tradicións. Só hai que pedir que sexan modificadas con xeito e resolver o aspecto negativo deste decreto: ata hoxe este tipo de venda representa unha pequena axuda aos baixos ingresos das persoas do campo; non deixa de ser para estas unha actividade entretida; algo hai que atallar xa que polo minifundismo existente a xuventude emigra a vilas e cidades e a outros países; os produtos comercializados ata agora en feiras e mercados son máis ecolóxicos que os das grandes explotacións agropecuarias; as vendas sen intermediarios beneficia ao consumidor final.

Porén, este decreto, sen outras medidas que acompañen o desenvolvemento da venda de proximidade e o apoio aos e ás productores non vai ter ese efecto dinamizador. De feito, é evidente que non ten como obxectivo relanzar feiras e mercados nin serve para incorporar novas persoas a esta actividade. O articulado do decreto non garante a produción nin fomenta a dedicación de persoas a este tipo de actividade. Por iso, o BNG considera imprescindible desenvolver iniciativas que incidan no apoio á comercialización de proximidade (feiras, mercados periódicos de alimentos producidos no contorno tanto en cidades como vilas, degustacións, etc), ás de venda na propia explotación ou on-line, e que teñan como obxectivo a promoción deste tipo de comercialización agropecuaria.

Por todo isto, o Grupo Municipal do BNGpontedeume presentou unha moción no concello propondo adoptar os seguintes ACORDOS:

  1. 1.     Solicitar do Goberno Galego que, en diálogo co sector, aprobe unha serie de actuacións específicas en diversos ámbitos para dinamizar a venda de proximidade, garantir as mellores condicións de traballo para as persoas produtoras e conseguir unha produción respectuosa co ambiente e a saúde. Entre estas cuestións están

1a.-  Introducir alimentos producidos nas explotación galegas nos menús dos centros públicos (escolares, hospitais, etc),

1b.- Facilitar base territorial ás persoas que a demandaren para a produción de alimentos

1c.- Establecer medidas de cotas á seguridade social reducidas e adaptadas a este tipo de actividade produtiva, e o mesmo en relación coa súa fiscalidade, Cómpre tamén establecer liñas de axuda para que a introdución de elementos de identificación e a introdución de guías de boas prácticas non sexa un gasto engadido ás producións.

  1. 2.     Solicitar do Goberno Galego que impulse unha marca de calidade que ampare e identifique os produtos da horta galega, que acadaren os requirimentos de calidade definidos en consenso co sector.
  2. 3.     Solicitar do Goberno galego que se abra un diálogo constante co sector coa participación de sindicatos, organizacións agrarias, cooperativas e asociacións de produtores/as, produción ecolóxica, para impulsar medidas que partan do consenso e que realmente dinamicen un sector vital para a economía galega.