O Alcalde secuestra a democracia en Pontedeume.

O Alcalde secuestra a democracia en Pontedeume.

 

DSC05534A presentación consecutiva de 6 mocións por parte do BNG, é a consecuencia da paralización do goberno eumés pola baixa e ausencia dunha secretaria/o durante dous meses, decisión desafortunada e incomprensible do Alcalde, incumprindo ademais un acordo plenario que si cabe, pode causar un precedente para outras cuestións.  A vacante baixo a responsabilidade do Alcalde trouxo consigo a non celebración de plenos, nen xuntas de goberno, nen informes técnicos de obras, certificados... como consecuencia do cal podemos engadir a falta de información polo goberno, sen rogos plenarios, e sen preguntas  para aclarar dúbidas e que durante 2 meses (sen plenos nen xuntas de goberno só a base de decretos de alcaldía e retrasos en informes legais) estivemos os grupos da oposición e a cidadanía en xeral secuestrados e orfos de información.

O BNG por medio do seu portavoz Antonio Salvadores presentou hoxe no rexistro do Concello as seguintes mocións:

1.- Demandando Políticas Activas de Emprego.

Considerando que a Xunta ten competencias para executar medidas cara a Formación, Emprego e Contratación e Modernización e que para este ano 2014 destina a rídicula cantidade de 113.000 euros para toda Galicia fronte aos preto de 8 millóns do ano pasado; pedimos do pleno as plenas competencias para Galicia nesta materia e reclamar a iniciativa do Concello de Pontedeume para pór en marcha un Plan de Fomento de Emprego.

2.- Solicitando a Gratuidade dos Libros de Texto.

Coa entrada en vigor da LOMCE en setembro deste ano nos niveis 1º, 3º e 5º de educación primaria e 1º de Formación Profesional Básica e drástica redución dun 35% das axudas e lamentablemente coas existentes necesidades das familias; solicitamos que o Pleno eumés esixa da Xunta a volta ao sistema de préstamo e recuperar a gratuidade total. Isto é o que recomenda o Valedor do Pobo.

3.- A revisión da facturación do consumo eléctrico no Concello.

A FEGAMP recibiu 130 queixas de alcaldes pola excesiva facturación do alumeado público. Isto posiblemente acontece en Pontedeume e é polo que pedimos a revisión desde o ano 2009 para detectar erros e/ou cobros indebidos e, ademais, promover un concurso público para conseguir a mellor oferta.

4.- A prol dos Dereitos das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais.

O Parlamento de galicia aprobou a Lei 2/2014 que recoñecía a igualdade de trato e a non discriminación e o BNGpontedeume busca o apoio plenario para poñer en marcha un Servizo de apoio e mediación para casos de consulta, asesoramento ou denuncia e colaborar desde o Concello a aplicación práctica da Lei 2/2014.

5.- Para denunciar os atrasos na tramitación de novas axudas RISGA.

Despois dun informe recriminatorio do Valedor do Pobo ao Parlamento Galego e recordando a Lei de Inclusión de Galicia que dita que logo de presentar a solicitude, debérase notificar nun prazo máximo que non se cumpre de dous meses. Por ilo pedimos axilizar a tramitación da Renda de Inclusión Social de Galicia e das Axudas de Inclusión Social e que as solicitadas  sen notificación lle sexa recoñecido o dereito á percepción da Renda por silecio administrativo.

6º.- Para trocar o modelo institucional do Estado e polo dereito a decidir.

Dada a anacrónica continuidade do réxime monárquico establecido desde o franquismo e da designación antidemocrática dun Xefe do Estado; pedimos a descentralización que oprime e non deixa respirar ao pobo galego que non é quen de decidir con dereito a equivocarse sobre os seus sectores produtivos e sobre o seu futuro.