O BNG demanda do alcalde que afronte a obra do Mercado con diñeiro enriba da mesa.

O BNG demanda do alcalde que afronte a obra do Mercado con diñeiro enriba da mesa.

O portavoz nacionalista afirma que 'é a hora de presentar as obras, non de blablablá e enganos'.

 

O portavoz municipal do BNG, Antonio Salvadores, manifestou hoxe que 'o alcalde debe afrontar as obras do Mercado Municipal con diñeiro e deixar a palabrería e enganos fóra deste grave problema que padecen os praceiros e praceiras de Pontedeume, polo abandono e desleixo de obrigas do goberno local e que repercute na falta dun servizo público que precisan os veciños e veciñas de Pontedeume'.

 

mercado ana pontonAntonio Salvadores informou que 'agora mesmo o alcalde só dispón de apenas a terceira parte do orzamento dunha obra que ascende a 1,6 millóns de euros, e pretende acometer a reforma por fases, convertendo a obra en eterna e afectando ao comercio en xeral, hostalería e servizos administrativos de Pontedeume. A pesar disto, o alcalde, utiliza o blablablá e os enganos á xente en lugar de presentar obras e diñeiros enriba da mesa'.

 

Finalmente, o portavoz municipal do BNG, indicou que 'Pontedeume é un concello de servizos, e diso vive, mais, coa palpábel decadencia do Feirón dos sábados, o comercio e hostalaría laméntanse da falta de ideas deste goberno e a apatía que amosa no día a día. A isto hai que engadir a calamitosa xestión da reforma do Mercado, improvisada, sen interese e sen contar coa participación dos grupos da corporación municipal ou das praceiras e praceiros, que se viron obrigados a rematar as obras dos postos pola súa conta, ao non dispor de desaugadoiros, estar os materiais oxidados, as paredes sen selar, sen revestimentos nin alicatados, ademais dos problemas coas cámaras frigoríficas. Ou como o caso dos seis anegamentos, mentres o alcalde mira para outro lado sen adoptar unha solución definitiva, desaparecendo nos momentos máis inoportunos e facéndonos crer que vai cumprir con algunha das súas promesas. Á vista está o aparcadoiro de Pontedeume prometido nas eleccións galegas'.

O BNG demanda do alcalde que afronte a obra do Mercado con diñeiro enriba da mesa.